Ir o contido principal

Nós, o proxecto que situará o galego na sociedade e na economía dixitais, celebrou o seu primeiro encontro con outras iniciativas do Estado

23.05.2022 | 09.00h-15.30h

Edificio Fontán da Cidade da Cultura
Santiago de Compostela

Xunta e Universidade de Santiago (USC) presentaron o proxecto máis ambicioso da historia en favor da lingua propia: ‘Nós’, unha iniciativa para situar o galego xunto coas linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. Trátase dun proxecto impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que farán realidade o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e o ILG (Instituto da Lingua Galega), en colaboración coa AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).

Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial
Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial

O pasado luns, 23 de maio, a sala de conferencias do Edificio Fontán da Cidade da Cultura acolleu unha “Xornada de Presentación do Proxecto Nós”, un encontro no que se deron a coñecer os detalles desta aposta estratéxica da Xunta de Galicia a persoas e organizacións, públicas e privadas, que tiñan interese en coñecer o proxecto e a súa evolución, ou mesmo en colaborar con Nós.

Nós é un proxecto liderado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a AMTEGA, encomendado á Universidade de Santiago de Compostela, que o executa a través do seu Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e do Instituto da Lingua Galega (ILG), un centro de investigación que acaba de cumprir medio século de vida, investigando en lingüística e filoloxía galegas, así como na tecnoloxía da linguaxe na súa aplicación ao galego.

O obxectivo principal deste proxecto é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua (como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais), que grazas ao proxecto Nós poderán funcionar tamén en lingua galega.   Paralelamente, o proxecto Nós promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade e de uso libre, que estarán á disposición de calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore o galego. 

Ademais dos líderes do proxecto (Consellería de Cultura, Educación e Universidade, USC e AMTEGA) e o equipo do proxecto Nós, o acto contou tamén coa presenza de Cristina Gallach Figueres, comisionada especial para a Alianza por la Nueva Economía de la Lengua del Gobierno de España, e responsables do desenvolvemento doutros proxectos semellantes nas outras linguas cooficiais do Estado.

Luns, 23 de maio de 2022:

09:00 Benvida

  • Román Rodríguez González (Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade) 

  • Antonio López Díaz (Reitor da USC) 

  • Mar Pereira Álvarez (Directora AMTEGA) 

  • Cristina Gallach Figueres (Comisionada especial para la Alianza por la Nueva Economía de la Lengua) 

09:30-11:00 Mesa Redonda: A importancia da Tecnoloxía da Linguaxe na sociedade e na economía

  •  Cristina Gallach Figueres (Comisionada especial para la Alianza por la Nueva Economía de la Lengua) 

  • Manuel Palomar Sanz (Expresidente de la SEPLN) 

  • Xosé Luis Regueira Fernández (Director ILG) 

  • Marta Villegas Montserrat (Directora Unidade Text Mining no BSC, Projecte Aina) 

  • Germán Rigau i Claramunt (Vicedirector de HiTZ) 

  • Modera: Senén Barro Ameneiro (Director CiTIUS) 

11.00-11.30 Café

11:30-14:30 Relatorios: “Orixe, estado actual e futuro do Proxecto Nós”

  1. Orixe e obxectivos do Proxecto Nós
    • Elisa Fernández Rei (Investigadora ILG)
    • Paulo Gamallo Otero (Investigador CiTIUS)
  2. Estado actual e planificación 2022
    • Iria de Dios Flores (Investigadora CiTIUS)
    • José Ramom Pichel Campos (Investigador CiTIUS)
    • Carmen Magariños Iglesias (Investigadora ILG)
    • Adina Ioana Vladu (Investigadora ILG)
  3. Contade con Nós, contamos con vós
    • Alberto Bugarín Diz (Investigador CiTIUS)
    • Manuel González González (Investigador ILG)

14:30-15:30 Piscolabis

[VÍDEO] O galego na sociedade e na economía da intelixencia artificial