O Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial vai xerar os recursos necesarios para colocar o galego na vangarda das Tecnoloxías Intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas Tecnoloxías Lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial. Dentro do proxecto vanse compilar recursos e desenvolver ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.
Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiros, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen.
O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española, e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á Universidade de Santiago de Compostela, a través de dúas entidades punteiras de investigación en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da linguaxe: o ILG (Instituto da Lingua Galega) e o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes). O equipo investigador está a traballar nos subproxectos de que consta Nós, e que se corresponden con algunhas das grandes tarefas do Procesamento da Linguaxe Natural:
- Síntese de voz
- Recoñecemento da fala
- Sistemas de diálogo
- Corrección e avaliación lingüística automáticas
- Tradución automática
- Xeración automática de textos
- Extracción de información
- Verificación de información e minaría de opinións
Por último, a adopción dentro do Proxecto Nós de licenzas libres permitirá que recursos, ferramentas e ata casos de uso poidan ser mantidos pola comunidade de software libre e tamén polas empresas, o que permitirá que a comunidade galego-falante e galego-escribente poida realizar a súa vida diaria na sociedade dixital do século XXI.