Ir o contido principal

SDG Group pon a súa voz para o impulso da IA galega a través da iniciativa Faino x Nós

Evento SDG Group
Evento SDG Group
Nun evento celebrado hoxe na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela fíxose balance da iniciativa “Faino x Nós” de SDG Group salientando o labor de doazón de voces naturais para o adestramento da IA en galego

SDG Group reafirmou o seu compromiso co desenvolvemento dunha intelixencia artificial inclusiva mediante a súa participación no Proxecto Nós, e en particular en Faino x Nós, unha iniciativa coordinada xunto á Universidade de Santiago de Compostela (USC), CiTIUS e o Instituto da Lingua Galega (ILG), co respaldo da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Durante o acto interviñeron Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Senén Barro, director científico de CiTIUS; Elisa Fernández Rei, directora do ILG; e Antonio Torrado, socio director de SDG Group España, quen subliñou a implicación da compañía no impulso das tecnoloxías da linguaxe e a IA en Galicia.

“Doar as nosas voces é un xeito de garantir que as tecnoloxías do futuro falen coas nosas palabras, as nosas expresións e a nosa identidade. Para iso, habilitamos un espazo de gravación na nosa oficina de Santiago, onde os empregados galegos e galegofalantes puideron achegar as súas voces para o seu uso no adestramento de tecnoloxías da linguaxe en galego” explicou Antonio Torrado. “Moitos deles son enxeñeiros de datos que traballan cada día con intelixencia artificial e que comparten plenamente esta visión dunha ‘IA galega’ segura e construída desde o humano, con identidade e propósito” engadiu.

As tecnoloxías da linguaxe e da intelixencia artificial en galego constitúen unha peza clave no impulso da economía dixital e do sector TIC en Galicia. Neste contexto, a colaboración de SDG Group coa iniciativa Faino x Nós representa unha contribución natural e comprometida, aliñada coa súa vocación de liderado no desenvolvemento da economía do dato e a intelixencia artificial na rexión.

Durante o evento salientouse a importancia do desenvolvemento de tecnoloxías como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais que dependen de modelos de procesamento da linguaxe natural (NLP) capaces de entender e xerar contido en galego. Estas ferramentas, cada vez máis presentes na vida cotiá, apóianse en intelixencia artificial baseada na voz e o texto para permitir unha interacción fluída e personalizada cos usuarios.

Para que o galego teña presenza plena neste novo ecosistema dixital, é imprescindible desenvolver e proporcionar os recursos lingüísticos e sonoros necesarios que permitan a súa integración en sistemas automatizados. Deste xeito, garántese a súa funcionalidade nunha contorna marcada polo uso xeneralizado de tecnoloxías que automatizan a linguaxe e transforman a diario a nosa forma de comunicármonos.

Pola súa banda, desde a Xunta de Galicia, Valentín García Gómez agradeceu a colaboración desinteresada de SDG Group e destacou tanto o valor estratéxico como social do proxecto: “No que podemos situar a SDG Group como exemplo de compromiso e responsabilidade social empresarial con Galicia e coa lingua galega”. “Un compromiso lingüístico crucial para o galego ao que aspiramos facer chegar a outras moitas outras empresas que operan no noso territorio e que prestan servizos á nosa cidadanía”, avanzou, “a través do novo selo empresarial de impulso ao galego no ámbito socioeconómico”.

Durante o acto tamén se recoñeceu especialmente a aquelas persoas que se involucraron de forma destacada na iniciativa e que contribuíron de xeito significativo mediante a doazón dun gran volume de gravacións de voz.

Voces humanas para unha intelixencia artificial galega

Ao longo de 2025, SDG Group contribuíu activamente ao Proxecto Nós mediante a doazón de gravacións de voz realizadas polos seus empregados galegos e galegofalantes, como parte do proceso de adestramento de modelos de voz en lingua galega.

Neste proceso participaron tamén galegos da compañía que traballan noutras sedes, como Barcelona e Madrid, o que permitiu ampliar a diversidade e representatividade do corpus lingüístico, ademais de xerar unha conversación interna en torno ao papel da intelixencia artificial na protección e proxección do galego. Esta colaboración enmárcase nunha visión humanista da intelixencia artificial, concibida como unha ferramenta ao servizo da inclusión e do respecto á diversidade cultural e lingüística.

Neste sentido, a directora do ILG, Elisa Fernández Rei, subliñou o papel transformador deste tipo de colaboracións: “Esta iniciativa con SDG Group representa á perfección o espírito do Proxecto Nós, tanto pola cooperación co tecido empresarial como polo seu enfoque abertamente colaborativo. Desde os seus inicios, o Proxecto Nós ten vocación de ser un proxecto de país: unha iniciativa ao servizo da lingua, da cultura e do desenvolvemento económico de Galicia en galego. Pero é tamén, e sobre todo, un proxecto que nos interpela a todas e todos, no que calquera persoa ou entidade pode participar e contribuír a que o galego sexa unha lingua máis no mundo dixital”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2025.