Ir o contido principal

O validatón permite revisar máis de 23.000 fragmentos de voz en galego nunha soa tarde

Validatón
Validatón
A iniciativa, posta en marcha dende o Proxecto Nós, consistiu nun maratón de validación de fragmentos de voz en galego doados a Common Voice

O instituto da Lingua Galega (ILG) acolleu o pasado 19 de marzo a celebración do primeiro Validatón, un maratón de validación de fragmentos de voz en galego doados a Common Voice, no que participaron 30 estudantes da Facultade de Filoloxía e 10 persoas voluntarias do ILG e do Proxecto Nós.

Common Voice é unha plataforma pública de datos de voz alimentada por persoas de todo o mundo que doan a súa voz e tamén contribúen xulgando como válidas ou non as doazóns feitas por outras persoas. O obxectivo desta plataforma colaborativa é crear grandes corpus de datos orais libres que poidan ser empregados para adestrar modelos de recoñecemento automático da fala en distintas linguas, favorecendo así a democratización das tecnoloxías da fala.

Actualmente, dentro desta plataforma, linguas como o catalán ou o inglés xa superan as 3.000 horas de gravación. Porén, o galego conta unicamente con 133 horas gravadas, das cales só 58 están tamén validadas. Sen dúbida, resulta fundamental desenvolver iniciativas que permitan avanzar tanto na gravación coma na validación de novos fragmentos de voz na nosa lingua, para aumentar o volume de datos orais dispoñibles de cara ao desenvolvemento de novas ferramentas baseados no recoñecemento automático da fala.

Durante a celebración do Validatón o número total de fragmentos validados en galego foi de 23.324 (aproximadamente 3 horas), o que representa o 64% de todos os fragmentos validados a nivel mundial ese día. Pero o certo é que a validación non ocupou toda a tarde, tamén houbo tempo para coñecer o centro, tomar unha merenda e probar os tres primeiros demostradores do Proxecto Nós: NósTradutor, NósTTS, NósASR.

Finalmente, a xornada rematou coa entrega de premios, na que se recoñeceu e eloxiou o esforzo de todas e todos os participantes. Ademais, as dez persoas que máis fragmentos validaron recibiron cadanseu premio sorpresa e o gañador, Nicolás Acebedo Torrego, que validou un total de 1.299 fragmentos, recibiu tamén un diploma e o gran premio da tarde: 100 euros en metálico!

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2024.