O proxecto ‘Nós’ sube un novo chanzo cara á total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico
A creación de bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que as empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías é unha das metas da segunda fase do proxecto ‘Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega’. O segundo convenio de colaboración asinado este mércores 18 polo reitor da USC, Antonio López; e polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, permitirá entrar na segunda fase deste proxecto no que a institución universitaria avanzará no traballo de campo, deseñará prototipos dos recursos e experimentará cos primeiros demostradores. No acto tamén interviñeron o director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.
Este acordo supón seguir ascendendo chanzos no Proxecto Nós, enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial. Con esta renovada colaboración, USC e Xunta de Galicia pretenden acadar unha ampla variedade de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que serán publicados en formato dixital baixo licenzas libres e a través de ferramentas con códigos abertos para ser empregados, libres e gratuitamente, en calquera tipo de soporte dixital polas diferentes institucións públicas, polos axentes que conforman o tecido económico empresarial e pola sociedade en xeral. En concreto, o documento presentado este mércores acomete seis subproxectos en materia de síntese de voz, recoñecemento da fala, xeración automática de textos, sistemas de diálogo, tradución automática e corrección e avaliación lingüística.
Deste xeito, o persoal do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e do CiTIUS creará recursos textuais e de voz que se porán a disposición de todas as entidades interesadas en repositorios abertos con licenza libre. Concretamente, crearase un banco de voces da lingua galega, por medio dunha plataforma áxil e flexible que permitirá rexistrar voces que len texto controlado. A participación neste recurso será promocionada mediante unha campaña de difusión. Ao mesmo tempo, outro dos elementos a desenvolver consiste nun corpus de voz, audio e texto aliñados, de utilidade para o recoñecemento da fala.
Estas iniciativas non só serán de utilidade para acadar os obxectivos do Proxecto Nós, senón tamén para implicar a toda sociedade galega e situar o galego nas contornas dixitais. Tanto os demostradores como os corpus lingüísticos non serán produtos finais, pois continuarán a mellorarse en anos sucesivos con novos desenvolvementos e axustes. Reitor e conselleiro coincidiron ao subliñar que o de Nós está a ser “un traballo frutífero de colaboración”.
Presenza dixital do galego
Conseguir que o galego dea un paso decidido cara a adiante no eido das tecnoloxías intelixentes é o horizonte que persegue o proxecto Nós, no que USC e Xunta de Galicia suman esforzos para equiparar o idioma propio da Comunidade a outras linguas que inundan o ecosistema dixital. Esta iniciativa, a máis ambiciosa que se ten desenvolvido a prol do galego, nutrirase de todo o potencial que alberga a Universidade como institución pioneira e de referencia en Galicia no eido da Intelixencia Artificial. Deste xeito, o primeiro acordo asinado en 2021, permitiu definir tres liñas de traballo centradas na conversación oral e escrita con persoas, na calidade da lingua e xestión da información.
“A lingua galega representa, mellor que ningunha outra cousa, o que significa ser e sentirse galega ou galego. É o máis prezado sinal de identidade que temos”, matizou Antonio López no acto de sinatura de 2021. O Proxecto Nós ve a luz porque, sinalou o reitor, “se queremos que o galego non se apague, debe ter tamén luz na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial. Se queremos que as novas xeracións falen galego, han de poder facelo tamén con e a través das máquinas”. “O proxecto Nós quere, ao igual que fixera a xeración de intelectuais da que recolle a denominación, ser un impulso necesario para a cultura galega a través da súa lingua. Quere ser pedra alicerce do novo cosmopolitismo dixital da cultura do país”, sinalou.