Ir o contido principal

O Proxecto Nós presenta no Parlamento Europeo, nun acto organizado por Google, unha ferramenta pioneira para avaliar o galego nos grandes modelos de IA

Foto do evento
Foto do evento
O investigador Manuel Loureiro, en representación do Proxecto NÓS, participou no Parlamento Europeo de Bruxelas, nun acto organizado por Google con motivo do Día Europeo das Linguas.

O encontro serviu para abordar o papel da intelixencia artificial no futuro da diversidade cultural e lingüística.

O Parlamento Europeo acolleu este mércores o encontro The role of artificial intelligence in supporting linguistic diversity in Europe, impulsado por Google con motivo do Día Europeo das Linguas. A xornada reuniu eurodeputados e representantes dos gobernos do Estado, entre eles Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, xunto con expertos, investigadores e membros do ecosistema lingüístico e dixital, co obxectivo de analizar o papel da intelixencia artificial no desenvolvemento da diversidade lingüística e cultural de Europa.

O Proxecto Nós participou na xornada, inaugurada por Javi López , vicepresidentes do Parlamento Europeo, para presentar «Arena Nós», unha ferramenta pioneira na avaliación do nivel de representación cultural e lingüística nos grandes modelos de IA. Así mesmo, a delegación galega trasladou ao eido europeo a importancia de garantir que todas as linguas continúen a ser linguas vivas no tempo da intelixencia artificial.

A integración plena do galego nestes sistemas, obxectivo central do Proxecto Nós, é hoxe en día unha condición imprescindible. Trátase dun paso fundamental para protexer de forma efectiva os dereitos lingüísticos dos falantes, potenciar a capacidade produtiva e asegurar o desenvolvemento futuro da sociedade.

As eurodiputadas Idoia Medía  e Diana Riba, participantes nunha mesa sobre as perspectivas europeas da IA, abordaron o papel das institucións públicas, as organizacións sociais, a investigación e as grandes compañías tecnolóxicas na construción duns ecosistemas de intelixencia artificial que coloquen a representación da pluralidade lingüística e cultural das sociedades europeas como unha prioridade real.

Deste xeito, expúxose non só como unha cuestión de dereitos, senón tamén como un xeito de aumentar as capacidades dos propios sistemas e a súa utilidade para as persoas, as institucións e as empresas, a través da representación nos modelos de intelixencia artificial da cultura, o coñecemento, a personalidade e as diferenzas produtivas presentes nas linguas ibéricas.

Neste sentido, Pallav Mehta, director de produto en Google, falou do reto tecnolóxico que supuxo a recente inclusión do galego, o catalán e o éuscaro, xunto co castelán, como linguas oficiais en Gemini para darlle servizo a 12 millóns de falantes. Karen Massin e Miguel Escassi, do Departamento de Relacións Institucionais do buscador, situaron nas súas intervencións o compromiso coa diversidade lingüística como un dos valores culturais, sociais e institucionais fundamentais para Europa. 

O galego, unha lingua viva nos ecosistemas dixitais

O Proxecto Nós estivo representado por Manuel Loureiro, investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, quen participou na mesa redonda «IA ao servicio das linguas e as comunidades» xunto a especialistas e representantes de diferentes ámbitos relacionados coa inclusión, a educación, a investigación lingüística e a tecnoloxía

Na sua intervención, Manuel Loureiro centrouse no traballo desenvolvido polos investigadores do Proxecto Nós, como exemplo de ciencia aplicada no desenvolvemento dos recursos necesarios para atinxir unha representación plena da lingua e da cultura galegas nas ferramentas e aplicacións baseadas na intelixencia artificial. O investigador salientou a importancia destes recursos «para que empresas como Google poidan, a través dos procesos de adestramento e avaliación, representar dun xeito profundo a nosa diversidade lingüística e cultural nos seus modelos».

Para alén do desenvolvemento de corpus lingüísticos básicos de texto e voz, entre as liñas de traballo do proxecto atópanse tamén o deseño de aplicacións de síntese de voz, tradución e corrección de textos. O obxectivo é fornecer a sociedade de todas as ferramentas esenciais precisas para que o galego sexa unha lingua útil e viva nos sistemas de intelixencia artificial.

Como exemplo disto, Manuel Loureiro presentou durante a súa intervención os resultados preliminares de «Arena NÓS». Esta ferramenta pioneira, que está a ser desenvolvida polos investigadores do Proxecto NÓS, pretende avaliar o nivel de representación da nosa cultura nos grandes modelos de linguaxe, así como comparar a súa capacidade de producir texto e voz na nosa lingua.

A iniciativa, que concluirá o seu desenvolvemento nos vindeiros meses, ten como fin facer accesibles datos públicos baseados en metodoloxías científicas de referencia. Isto permitiralle á sociedade galega obter respostas a preguntas básicas: que intelixencia artificial entende mellor se se lle fala en galego; cal ten máis capacidade para escribir un artigo, corrixir ou traducir un texto, facer un traballo profesional na nosa lingua ou responder a unha dúbida sobre lexislación; ou cal serve para planear unha viaxe, aprender a coidar da horta ou programar en galego.

Grazas a estas avaliacións públicas e independentes, nas que calquera persoa poderá contribuír a través da plataforma que está a deseñar o Proxecto Nós, «os usuarios, as institucións e as empresas poderán saber cal é a mellor opción para dar resposta ás súas necesidades a través da intelixencia artificial en galego», como sinalou o investigador galego na súa intervención no acto do Parlamento Europeo. Esta avaliación pública da representación cultural, pensada para o noso idioma, tampouco está accesible para a gran maioría de linguas e culturas, coa excepción do inglés. Por este motivo, o proxecto Nós publicará os materiais e o código en aberto para facilitar que outras comunidades poidan replicar a metodoloxía nas súas respectivas linguas.

Tamén participaron na mesa Fina Paulos e Oscar Rey, profesores no centro público IES Maximino Romero de Lema en Baio, que desde o rural galego son recoñecidos internacionalmente polo seu traballo coa IA nas aulas. Os docentes puxeron como exemplo do seu traballo as aplicacións para a inmersión lingüística e a atención a diversidade, que desenvolven os propios alumnos, nas que como quixeron salientar  “os modelos de sintese de voz que desenvolve de forma aberta o proxecto Nós xogan un papel mui relavante”.

A diversidade lingüística como parte do futuro dixital

A participación do Proxecto Nós permitiu trasladar ao debate europeo a importancia de que o desenvolvemento da intelixencia artificial non conduza a unha progresiva homoxeneización lingüística e cultural. Ao final da súa intervención, Manuel Loureiro destacou que decidira deixar o seu anterior traballo na multinacional tecnolóxica para «traballar no Proxecto Nós, non só para que o galego sobreviva nos ecosistemas dixitais, senón para que volva florecer, porque florecendo a nosa lingua e a nosa cultura, florecerá tamén a diversidade e, por tanto, a intelixencia da terra».

Neste sentido, recalcou tamén a necesidade de que institucións e empresas tecnolóxicas aposten por unha representación profunda das diferentes linguas e culturas nos sistemas de IA. A participación no encontro reforzou así a aposta do Proxecto Nós por situar o galego no debate europeo sobre o futuro da intelixencia artificial e por desenvolver os recursos necesarios para que a lingua, a cultura e a identidade galegas teñan unha presenza plena no mundo dixital.

A diversidade lingüística como parte do futuro dixital

A participación do Proxecto Nós permitiu trasladar ao debate europeo a importancia de que o desenvolvemento da intelixencia artificial non conduza a unha progresiva homoxeneización lingüística e cultural. Ao final da súa intervención, Manuel Loureiro destacou que decidira deixar o seu anterior traballo na multinacional tecnolóxica para «traballar no Proxecto Nós, non só para que o galego sobreviva nos ecosistemas dixitais, senón para que volva florecer, porque florecendo a nosa lingua e a nosa cultura, florecerá tamén a diversidade e, por tanto, a intelixencia da terra».

Neste sentido, recalcou tamén a necesidade de que institucións e empresas tecnolóxicas aposten por unha representación profunda das diferentes linguas e culturas nos sistemas de IA. A participación no encontro reforzou así a aposta do Proxecto Nós por situar o galego no debate europeo sobre o futuro da intelixencia artificial e por desenvolver os recursos necesarios para que a lingua, a cultura e a identidade galegas teñan unha presenza plena no mundo dixital.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2026.