Ir o contido principal

O Proxecto Nós presenta modelos de IA para galego-portugués nun foro especializado en Braga

José Ramón Pichel Campos
José Ramón Pichel Campos, investigador do Proxecto Nós
O investigador José Ramom Pichel Campos participou nun foro estratéxico que xuntou algúns dos principais especialistas en IA xerativa de Portugal.

O DST Group reuniu, o pasado 25 de novembro, un foro estratéxico que xuntou algúns dos principais especialistas en IA xerativa de Portugal cunha delegación do Proxecto Nós da Galicia. O obxectivo central foi discutir a integración práctica e estratéxica da Intelixencia Artificial nunha gran empresa líder do sector da construción civil en Portugal.

Nas xornadas, o Proxecto Nós presentou a súa familia de modelos lingüísticos de código aberto Carballo/Carvalho, desenvolvidos especificamente para as variedades galega e portuguesa. A participación centrouse na súa experiencia única en crear ferramentas de IA multilingües e abertas, destacando como esta especialización pode ser un activo decisivo para un grupo coa dimensión e os desafíos do DST Group.

Na primeira mesa redonda, con foco técnico no futuro dos modelos de linguaxe, os representantes do Proxecto Nós detallaron o desenvolvemento dos modelos Carballo/Carvalho, froito dunha colaboración continua coa Universidade de Évora. A sesión, moderada polo investigador en IA do DST Group, Rúben Almeida, contou ademais coas intervencións de Ana Costa e Silva (Global AI & Data Executive, INESC TEC), Paulo Novais (Universidade do Minho), Henrique Lopes Cardoso (FEUP), Paulo Quaresma (Universidade de Évora) e José Ramom Pichel Campos (Proxecto Nós - Universidade de Santiago de Compostela).

Nun segundo panel, dedicado a financiamento e estratexias de colaboración, o debate foi conducido polo Administrador Executivo do DST Group, Dr. João Matos. A conversa, que xuntou a Bruno Teixeira (Axencia Nacional de Innovación), Rui Oliveira (Universidade do Minho / Deucalion - Centro de Supercomputación de Guimarães) e Pedro Amaral (IST), explorou como diferentes iniciativas de IA poden acceder a programas de apoio e como se poden construír pontes sostibles entre a industria, a investigación aplicada e as infraestruturas de supercomputación.

A participación do Proxecto Nós, que pertence á rede ILENIA, reforzou significativamente o diálogo de cooperación galego-portugués no dominio da IA e, por extensión, coloca a Galicia como ponte ibérica entre Portugal e España. O evento serviu para subliñar a importancia dunha abordaxe técnica precisa e culturalmente informada, demostrando o potencial concreto que os modelos lingüísticos especializados ofrecen para a transformación dixital e a eficiencia operacional dunha empresa do sector da construción civil, como é o caso do DST Group.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2025.