Ir o contido principal

O proxecto ‘Nós’ ábrese á cidadanía

A xornada celebrouse no edificio Fontán. Foto: Santi Alvite
A xornada celebrouse no edificio Fontán. Foto: Santi Alvite
Universidades, empresas, administracións e público en xeral participaron nun foro que serviu para abordar a orixe, estado actual e futuro desta iniciativa coa que USC e Xunta de Galicia queren acadar a total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico

Coa vontade de dar a coñecer o proxecto ‘Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega’, USC e Xunta de Galicia desenvolveron este luns unha xornada dirixida ao público xeral, pero tamén a universidades, empresas e administracións. O foro celebrado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura profundou neste proxecto que aspira a acadar a total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico e que acaba de entrar na súa segunda fase.  

Con esta renovada colaboración, USC e Xunta de Galicia pretenden acadar unha ampla variedade de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que serán publicados en formato dixital baixo licenzas libres e a través de ferramentas con códigos abertos para ser empregados, libres e gratuitamente, en calquera tipo de soporte dixital polas diferentes institucións públicas, polos axentes que conforman o tecido económico empresarial e pola sociedade en xeral. En concreto, a segunda fase presentada este luns acomete seis subproxectos en materia de síntese de voz, recoñecemento da fala, xeración automática de textos, sistemas de diálogo, tradución automática e corrección e avaliación lingüística.

A xuntanza que contou cunha mesa redonda e varios relatorios, foi inaugurada polo reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo; e a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua do Goberno de España, Cristina Gallach.

A comisionada especial participou, ademais, na mesa redonda ‘A importancia da tecnoloxía da linguaxe na sociedade e na economía’, moderada polo director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro. Acompañárona o ex presidente da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural, Manuel Palomar; o director do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), Xosé Luis Regueira; a directora da Unidade Text Mining do Barcelona Supercomputing Center, Marta Villegas; e o vicedirector do HiTZ (Basque Research Center for Language Technologies), Germán Rigau i Claramunt.

O foro contou con diversos relatorios sobre a orixe, estado actual e futuro do proxecto ‘Nós’ a cargo de varios investigadores que están a traballar nesta iniciativa tanto do CiTIUS como do ILG da USC, un centro de investigación que vén de cumprir medio século de vida investigando en lingüística e filoloxía galegas, así como na tecnoloxía da linguaxe na súa aplicación ao galego.

Con esta xornada informativa séguense a dar pasos para avanzar no proxecto ‘Nós’, que vén de entrar na súa segunda fase. O novo acordo permitirá que este ano os investigadores/as avancen no traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2022.