Ir o contido principal

PROPOR, o congreso máis importante no ámbito do procesamento da lingua portuguesa, chega por vez primeira a Santiago de Compostela

Propor 2024
Propor 2024
O principal evento sobre o procesamento da linguaxe natural no ámbito lusófono celebra en Santiago de Compostela a súa 16ª edición

A Cidade da Cultura acolleu entre os días 12 e 15 de marzo a 16ª edición do Congreso Internacional sobre Procesamento Computacional do Portugués (PROPOR), que por vez primeira se celebrou fóra das fronteiras luso-brasileiras.

O evento, organizado polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Lingüísticas (CiTIUS) a través do equipo do Proxecto Nós, contou coa participación de preto de 150 persoas inscritas, a meirande parte delas procedentes de Brasil e Portugal.

Ao abeiro do congreso desenvolvéronse 70 comunicacións científicas, que incluíron presentacións orais e pósteres, así como varios eventos asociados: catro workshops, dous titoriais, unha sesión de demostradores, unha reunión industrial e dúas mesas redondas.

O Proxecto Nós estivo representado a través de diferentes traballos centrados no procesamento automático do galego. Ademais, a colaboración Nós-TTS: a Web User Interface for Galician Text-to-Speech, presentada por Carmen Magariños, Alp Öktem, Antonio Moscoso Sánchez, Marta Vázquez Abuín, Noelia García Díaz, Adina Ioana Vladu, Elisa Fernández Rei e María Baqueiro Vidal levou o premio á mellor demostración.

Carmen Magariños sobe a recoller o premio á mellor demostración
Carmen Magariños sobe a recoller o premio á mellor demostración
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2024.