Ir o contido principal

Presentación do Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao Servizo da Lingua Galega

Galicia tecnolóxica
O galego na sociedade e economía da intelixencia artificial
A finalidade última do ‘Proxecto Nós’ é situar o galego na vangarda da intelixencia artificial e das tecnoloxías lingüísticas para posibilitar o uso natural desta lingua nas interaccións dixitais entre as persoas e os dispositivos tecnolóxicos.

A Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia organizan o luns 23 de maio unha xornada para dar a coñecer o Proxecto Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega. Esta iniciativa, na que toman parte o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes  (CITIUS) e o Instituto da Lingua Galega (ILG), traballa para acadar a total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico.

O encontro celebrarase a partir das 9.00 horas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura e contará cunha mesa redonda e varios relatorios. Será inaugurada polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López; a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo; e a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua do Goberno de España, Cristina Gallach.

A comisionada especial participará, ademais, na mesa redonda que dará comezo ás 9,30 horas. A importancia da tecnoloxía da linguaxe na sociedade e na economía, que estará moderada polo director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro. Acompañarano o expresidente da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural, Manuel Palomar; o director do Instituto da Lingua Galega, Xosé Luis Regueira; a directora da Unidade Text Mining do Barcelona Supercomputing Center, Marta Villegas; o vicedirector do HiTZ (Basque Research Center for Language Technologies), Germán Rigau i Claramunt.

A partir das 11,30 horas celebraranse diversos relatorios sobre a orixe, estado actual e futuro do Proxecto Nós a cargo de varios investigadores que están a traballar nesta iniciativa tanto do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes como Instituto da Lingua Galega, un centro de investigación que vén de cumprir medio século de vida investigando en lingüística e filoloxía galegas, así como na tecnoloxía da linguaxe na súa aplicación ao galego. 

Con esta xornada informativa séguense a dar pasos para avanzar no Proxecto Nós, que vén de entrar na súa segunda fase grazas á nova inxección económica de máis de 600.000 euros. O novo acordo permitirá que este ano os investigadores avancen no traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.

A presentación pode seguirse en liña a través de YouTube. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2022.