Ir o contido principal
  • USC

María Pérez Lago recibe o primeiro Premio Ícarus 2026 de Artes e Humanidades polo seu estudo sobre tecnoloxías de síntese de voz en galego

María Pérez Lago
María Pérez Lago
María Pérez Lago recibiu o primeiro Premio Ícarus 2026 na área de Artes e Humanidades polo seu Traballo Fin de Mestrado titulado Avaliación de tecnoloxías de síntese de voz: un estudo de dous modelos TTS para a lingua galega, realizado baixo a dirección de Xosé Luís Regueira.

María Pérez Lago, investigadora do Proxecto Nós, recibiu o primeiro Premio Ícarus 2026 na área de Artes e Humanidades polo seu Traballo Fin de Mestrado titulado Avaliación de tecnoloxías de síntese de voz: un estudo de dous modelos TTS para a lingua galega, realizado baixo a dirección de Xosé Luís Regueira.

O programa Ícarus distingue traballos académicos con potencial de transferencia e aplicación práctica. Neste marco, a proposta presentada por María foi recoñecida polo seu traballo no ámbito da avaliación das tecnoloxías de síntese de voz aplicadas á lingua galega, unha área de especial relevancia para o desenvolvemento de recursos lingüísticos e tecnolóxicos propios.

Os Premios Ícarus organizados pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela e financiados pola Xunta de Galicia distinguen anualmente investigacións que destacan polo seu potencial de aplicación social e económica. 

“Recibir este premio supón un importante recoñecemento a todo o traballo realizado na área das Tecnoloxías da Fala en galego pero, sobre todo, unha motivación para seguir avanzando nesta liña de investigación. As tecnoloxías da fala están transformando a maneira na que nos relacionamos coa tecnoloxía e, polo tanto, adquiren cada vez máis presenza na nosa vida cotiá. Por iso, é fundamental desenvolver recursos tecnolóxicos de calidade para garantir unha presenza real e efectiva da nosa lingua nos novos espazos dixitais. E neste camiño, a lingüística ten moito que achegar, xa que contribúe a que estas ferramentas respondan ás necesidades propias da lingua” señalaba María Pérez.

O TFM aborda a avaliación da calidade e naturalidade de dúas voces sintéticas en galego desenvolvidas no marco do Proxecto Nós. A investigación parte da importancia de contar con voces sintéticas naturais e de calidade para favorecer a incorporación do galego ás tecnoloxías da fala e aos diferentes servizos e aplicacións dixitais. Unha das principais achegas é a proposta dunha metodoloxía de avaliación avanzada que combina datos cuantitativos coa percepción e os comentarios das persoas usuarias. Este enfoque permite non só coñecer a valoración global, senón tamén afondar na conciencia metalingüística das persoas oíntes e coñecer os criterios que empregan para xulgar as voces sintéticas.

O recoñecemento dos Premios Ícarus pon así en valor unha investigación que combina o estudo da lingua galega coa innovación tecnolóxica e que busca contribuír ao desenvolvemento de ferramentas dixitais máis naturais e accesibles en galego. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2026.