Investigación: Que ten esa voz que me gusta tanto?

Que ten esa voz que me gusta tanto? Participa na investigación!
No Instituto da Lingua Galega (ILG), dentro do Proxecto Nós, están a investigar que é o que nos gusta nas voces naturais e por que unhas nos resultan máis atractivas ca outras. Para iso precisamos a túa colaboración!
En que consiste?
Propoñémosche participar nun test perceptivo de avaliación de voces naturais masculinas, cunha duración aproximada de 15 minutos.
Durante a proba terás que:
- Escoitar unha serie de fragmentos de voz.
- Avaliar cada un segundo seis criterios: claridade, pronuncia, agradabilidade, entoación, valoración global e idade aproximada da persoa que fala.
- As respostas danse nunha escala do 1 ao 5 (do menos ao máis) e, no caso da idade, seleccionando un intervalo.
Non hai respostas correctas ou incorrectas, só precisamos que escoites con atención e respondas segundo a túa impresión.
Para participar só tes que rexistrarte en FOLERPA (é rápido e doado!). A túa colaboración é fundamental para que poidamos comprender mellor a relación entre factores subxectivos (o que sentimos ou percibimos) e obxectivos (as características medibles das voces) á hora de decidir que voces nos resultan máis atractivas.
E, se quedaches con ganas, que tal seguir co noso test para a avaliación de voces femininas?
Grazas pola túa contribución!