O novo grao en Intelixencia Artificial poñerá a tecnoloxía ao servizo das persoas en todas as áreas de coñecemento
Intelixencia Artificial é un dos dous novos títulos de grao que a USC comezará a ofertar no curso 2022-2023, xunto ao grao en Xestión de Empresas Hostaleiras. Trátase dunha formación interdisciplinaria, “onde conviven a compoñente tecnolóxica de base coas achegas doutras disciplinas do ámbito social, da ciencia experimental, ciencias da saúde e humanidades”, explica o responsable do título e catedrático da USC, Alberto José Bugarín Diz. O grao en Intelixencia Artificial (IA) é unha titulación interuniversitaria, coordinada dende Compostela e froito da sinerxía entre as tres universidades públicas galegas. No caso da USC, este grao impartirase na Escola Técnica Superior de Enxeñaría.
A IA é unha disciplina que leva vixente máis de 60 anos, malia que a súa integración na vida cotiá é moito máis recente, nomeadamente, a través do uso de aplicacións como os buscadores da Internet, os asistentes virtuais, os GPS, ou os tradutores automáticos, entre outros. “O seu impacto está a ser importantísimo e vaino ser máis en todos os ámbitos, polo que unha persoa graduada neste título vai poder traballar en sectores tecnolóxicos, coma o sector TIC; pero tamén, no eido da saúde, o sector dos coidados, a enerxía, automoción, agricultura, clima, finanzas... por suposto, no sector do ocio, turismo e servizos en xeral, incluíndo tamén o sector público onde a IA está a prestar servizos de grande utilidade á cidadanía”, explica o responsable do título. Calquera sector que queira ser innovador na súa área de actividade ou queira diferenciarse da competencia, “terá que incorporar servizos baseados en IA, que só poderán ser desenvolvidos coa calidade suficiente con perfís profesionais ben formados , como van ser os nosos graduados ou graduadas”, engade.
As persoas, no centro
O grao consta de catro cursos (240 ECTS), nos que as materias dos dous primeiros anos serán comúns ás tres universidades. En terceiro e cuarto, na USC desenvolverase a orientación en ‘Tecnoloxías Intelixentes’, a cal integra elementos propios das tecnoloxías da información e dos modelos da intelixencia artificial cos novos modelos naturais de intelixencia e de comportamento (humano, animal), “imprescindible para acadar unha IA centrada nas persoas”, explica o profesor Bugarín. “A combinación de características xenuinamente humanas como a creatividade, o liderado, ou as habilidades sociais, coas capacidades da Intelixencia Artificial, está a producir ferramentas que permiten mellorar calquera ámbito”, engaden as tamén profesoras do grao María Jesús Taboada Iglesias, catedrática da área de Ciencia da Computación e IA e coordinadora do mestrado en IA; e Mariña Canabal Juanatey, investigadora predoutoral no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), no grupo de Sistemas Intelixentes.
“Cada vez máis as persoas usuarias demandamos un nivel maior de calidade e de intelixencia (nivel cognitivo) nas aplicacións e servizos que utilizamos. Para dar resposta a esta demanda, como fan con éxito moitas aplicacións hoxe en día, é preciso combinar formación en ámbitos tecnolóxicos de futuro (como a Internet das cousas, a computación de altas prestacións ou a computación na nube), con outros ámbitos de saber non tecnolóxico, como a neurociencia, a psicoloxía, ou a lóxica”, matizan.
Pero os bos e boas profesionais teñen tamén que considerar os aspectos xurídicos, éticos ou socio-económicos, imprescindibles para a IA centrada nas persoas que se promove na orientación ofertada pola USC. “Temos a vantaxe de contar con excelentes profesionais da IA en centros como a ETSE, pero tamén arredor do CiTIUS, e noutros centros do ámbito da medicina, psicoloxía, filosofía, dereito, ciencias económicas e empresariais, o que nos converte nun ecosistema único neste sentido”, sinalan. En total, sete centros, entre escolas e facultades, así como 17 áreas de coñecemento distintas estarán implicadas na formación dos graduados e graduadas pola USC.
Ademais, outro trazo distintivo desta orientación é o módulo profesional, que durará un cuadrimestre, no que o alumnado realizará proxectos integradores de varias disciplinas, que dean resposta a retos propostos por entidades externas, e no que van desenvolver habilidades de comunicación e interpersoais, proxectos de emprendemento ou tamén estender as súas prácticas profesionais externas en empresas.
Humanidades dixitais
O ámbito das humanidades constitúe un eido destacado ao precisar dos resultados e aplicacións da IA. “Poucas cousas hai máis humanas que a linguaxe”, explican os e as docentes. O procesamento e tratamento automatizado da linguaxe por parte das máquinas é un eido no que traballa a IA, a lingüística e outras áreas para dar lugar a produtos como os tradutores. Na USC, hai exemplos de colaboración intensa neste eido, como é o caso do vínculo entre o Instituto da Lingua Galega e o CiTIUS no marco do proxecto Nós, para situar o idioma galego na vangarda das tecnoloxías da linguaxe. A nivel europeo hai tamén un bo número de iniciativas para que dende o ámbito das humanidades se creen novos servizos baseados en Intelixencia Artificial.