Ir o contido principal

Éxito do Proxecto Nós en Culturgal: un impulso significativo para a dixitalización do galego

Cabeza robótica no stand do Proxecto Nós en Culturgal
Cabeza robótica no stand do Proxecto Nós en Culturgal
O Proxecto Nós acapara todas as miradas no Culturgal 2023.

O Proxecto Nós brillou na recente edición da Culturgal que tivo lugar os días 1, 2 e 3 de decembro en Pontevedra. A onda de comentarios destacaron esta iniciativa como "necesaria", abordando a "fenda dixital" e subliñando o "prestixio do galego" como un activo importante. A cabeza robótica foi sen dúbida a estrela do stand, conquistando a mirada dos máis curiosos e superando amplamente as expectativas en comparación cos demos en pantalla. Observouse ademais un notable atractivo nos produtos finais, confirmando o impacto agardado na modernización e dixitalización do ecosistema empresarial galego.

Mais non foi só o Proxecto Nós o que brillou. Common Voice, unha proposta que permite á xente doar a voz para darlle un pulo ás tecnoloxías de recoñecemento da fala, tamén acaparou gran protagonismo. Esta idea de "doar voz" recibiu unha excelente resposta, con visitantes que se achegaron, especialmente, despois de ver as novas sobre a campaña en medios como a TVG, Radio Galega, TVE e Faro de Vigo.

A plataforma de crowdsourcing foi eloxiada pola súa facilidade de uso, rexistrando durante toda a fin de semana un aumento significativo no tempo de participación. Cada persoa doou, de media, un bloque de 5 frases, o que se traduce nun incremento total de 3 horas de gravacións. O número de rexistros aumentou en 13, e estímase que entre 350 e 400 persoas contribuíron coa súa voz durante o evento.

Culturgal funcionou tamén como espazo para facer networking con posibles provedores de datos e colaboradores clave. Así mesmo, consolidáronse contactos con colexios e institutos interesados en organizar charlas informativas sobre o Proxecto Nós. Este afán por difundir o Proxecto en ámbitos educativos mostra a relevancia que está a ter na comunidade, subliñando o seu potencial para contribuir positivamente na preservación do galego e na formación das xeracións futuras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.12.2023.