Ir o contido principal

O desenvolvemento dos prototipos foi o tema central do novo encontro da rede de centros ILENIA

Foto de grupo do encontro do proxecto ILENIA en Alacante
Foto de grupo do encontro do proxecto ILENIA en Alacante
A Universidade de Alacante, da man do CENID e o grupo GPLSI, acolle unha nova reunión presencial dos catro centros participantes

ILENIA, a iniciativa posta en marcha coa intención de impulsar as linguas oficiais do estado a través da intelixencia artificial, celebrou de forma presencial unha nova reunión técnica de traballo cos catro centros da rede, co obxectivo de avanzar nos últimos desenvolvementos e poñer en común os próximos pasos.

O encontro, que tivo lugar os días 8 e 9 de maio, centrouse en debater e analizar aqueles casos de uso -tamén chamados prototipos- que se están desenvolvendo no proxecto ILENIA. Durante o mes de febreiro, no encontro celebrado en Santiago de Compostela, os catro centros estableceron as bases para traballar en cada un dos prototipos propostos, e durante esta última reunión en Alacante actualizouse o estado de cada un deles e acordáronse os próximos pasos a seguir. Actualmente, entre os catro centros da rede están a desenvolverse un total de 10 casos de uso de diferentes ámbitos, tales como asistentes de voz, plugins, modelos de moderación, modelos de tradución ou RAGs, entre outros. Nos próximos meses pois, daranse a coñecer os detalles dos prototipos e as súas aplicacións.

Máis aló dos casos de uso, no encontro tamén se abordaron outras cuestións técnicas do proxecto, como o Kit ILENIA, dispoñible na web e que recolle todos aqueles recursos desenvolvidos (datasets, modelos, corpus etc.)/ etc.). Ademais, os diferentes grupos de traballo celebraron reunións paralelas para tratar aspectos concretos das súas tarefas.

A rede ILENIA está formada polo Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación (BSN-CNS), a Universidade de Alacante a través do Centro de Intelixencia Dixital (CENID), a Universidade do País Vasco a través do Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua (HiTZ) e a Universidade de Santiago de Compostela a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e do Instituto de Lingua Galega (ILG).

O vindeiro encontro presencial da rede ILENIA prevese que se celebre durante o último trimestre do ano en San Sebastián. Este proxecto está financiado polo Ministerio de Transformación Digital e polo Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia de la Unión Europea - NextGeneration EU.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2025.