Arranca AGASALLANÓS
A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela veñen de lanzar a campaña "AgasallaNós" en busca de voluntarios que doen as súas voces para colaborar co Proxecto Nós na creación de recursos e tecnoloxías en galego.
A iniciativa pretende rexistrar diferentes variedades fonéticas do galego para que as aplicacións baseadas no recoñecemento da fala sexan quen de identificar toda a riqueza da nosa lingua. O obxectivo é recompilar máis de 1.000 horas de gravacións que representen diferentes idades, xéneros e variedades dialectais.
AgasallaNós foi presentada en Porto do Son polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e o Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, quen expresou a súa confianza no éxito do proxecto e agradeceu a colaboración da Universidade e outras entidades.
A colaboración pode facerse a través do sitio web doagalego.nos.gal.