Ir o contido principal

Santiago de Compostela acolle unha nova xuntanza da rede ILENIA

Foto da rede ILENIA no seu encontro en Santiago de Compostela
Foto de grupo da rede ILENIA
ILENIA, da que forma parte o Proxecto Nós, celebrou na Cidade da Cultura un encontro técnico

ILENIA, a iniciativa posta en marcha polo Goberno de España coa intención de impulsar as linguas na intelixencia artificial, celebrou esta semana na Cidade da Cultura a primeira xuntanza técnica de traballo deste 2025 cos grupos que integran a rede, entre os que se atopa o Proxecto Nós.

O obxectivo principal do encontro, que tivo lugar os días 17 e 18 de febreiro e no que participaron máis de 30 profesionais, foi poñer en común o estado dos casos de uso -a meirande parte deles multilingües- que se están a desenvolver baixo o paraugas de ILENIA. Desta rede forman parte o Consorcio Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación (BSN-CNS), a Universidade de Alacante a través do Centro de Intelixencia Dixital (CENID), a Universidade do País Vasco a través do Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua (HiTZ) e a Universidade de Santiago de Compostela a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e do Instituto da Lingua Galega (ILG). Por parte destas dúas entidades, asistiron, respectivamente, Senén Barro e Elisa Fernández.

Da xuntanza de coordinación entre os distintos centros de investigación despréndese a intención de que os casos de uso (tamén coñecidos coma demostradores) que se están a desenvolver  poidan estar operativos este mesmo ano, coincidindo coa última anualidade do proxecto, financiado polo Ministerio de Transformación Dixital e polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea - Next Generation.

O vindeiro encontro presencial da rede ILENIA - que se celebran de xeito trimestral desde a posta en marcha do proxecto, mentres que os centros de investigación traballan de forma coordinada na distancia- celebrarase en maio en Alacante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2025.