A Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural (SEPLN), xunto coa Consellería de cultura do Goberno Vasco e o centro HiTZ, Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua da UPV, organizaron unha Xornada sobre a transición dixital multilingüe na nova economía da lingua o pasado 1 de xuño. A xornada foi presencial en Donostia, no Palacio Miramar, e tamén foi accesible por streaming.
Durante a xornada, tratáronse fundamentalmente dúas liñas temáticas. Por unha banda, abordouse o problema de como realizar con éxito a transición dixital multilingüe, asegurando así a supervivencia das nosas linguas e culturas e, por outra banda, falouse de como facer negocio para facer rendibles os custos económicos do multilingüismo.
Valentín García, secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, participou na xornada para presentar o Proxecto Nós. Algúns investigadores do proxecto, como Marcos García ou Senén Barro, asistiron tamén á xornada para participar en dúas mesas redondas sobre a industria da tecnoloxía da lingua e o estado da arte das tecnoloxías lingüísticas dende a perspectiva do multilingüismo.