O obxectivo principal do curso é difundir as múltiples posibilidades que actualmente ofertan a intelixencia artificial e as tecnoloxías da linguaxe natural para a creación de aplicacións e servizos de uso cotián baseados nas linguas, como son os sistemas de tradución automática ou os asistentes virtuais, entre outros.
![Charla presentación: Modelos de lingua, semántica distribucional e composicionalidade, por Pablo Gamallo. Charla presentación: Modelos de lingua, semántica distribucional e composicionalidade, por Pablo Gamallo.](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/event/2022-09/IMG_20220712_125656.jpg?itok=NwaL0oOe)
No curso presentáronse os fundamentos científicos da intelixencia artificial e as tecnoloxías lingüísticas, xunto coas bases tecnolóxicas das aplicacións e os recursos que lle dan valor. As presentacións fixéronse dunha maneira accesible, atractiva e tamén práctica, resaltando este último compoñente aplicado ao desenvolver talleres para a creación dalgúns destes recursos.
Presentáronse tamén algunhas das diversas iniciativas existentes a todos os niveis (gobernamental, académico e empresarial), que inciden no interese que ten para todas as linguas a súa presenza na sociedade, economía, e, xa que logo, no mundo dixital. Bos exemplos son o Proxecto Nós para a lingua galega, o Projecte AINA para a lingua catalá, o Plan Gaitu para o eúscaro, o PERTE en español: Nueva economía de la lengua para o español e as restantes linguas cooficiais do Estado ou iniciativas europeas como os proxectos European Language Equality ou CLARIAH.