Ir o contido principal

O Proxecto Nós reforza a colaboración coa industria para avanzar na adopción da IA en galego

Fotografía do evento
Fotografía do evento
O Foro ALIA de Tecnoloxías da Linguaxe e Industria reuniu en Santiago de Compostela empresas, persoal investigador e institucións para presentar casos de uso reais desenvolvidos a partir dos recursos lingüísticos e tecnolóxicos do Proxecto Nós.

O Foro ALIA de Tecnoloxías da Linguaxe e Industria reuniu en Santiago de Compostela empresas, persoal investigador e institucións para presentar casos de uso reais desenvolvidos a partir dos recursos lingüísticos e tecnolóxicos do Proxecto Nós.

A xornada serviu para dar a coñecer os avances do ecosistema ALIA, incluíndo os novos recursos do ALIA Kit, e para analizar as oportunidades que a intelixencia artificial ofrece ao tecido produtivo galego.

Empresas galegas como Imaxin, OSIX e Dimensiona presentaron os seus proxectos de innovación baseados en modelos de linguaxe, tecnoloxías da fala e sistemas avanzados de recuperación de información en galego. 
 

A Universidade de Santiago de Compostela acolleu este mércores o Foro ALIA de Tecnoloxías da Linguaxe e Industria, unha iniciativa impulsada polo Proxecto Nós no marco de ALIA que consolida este como un espazo estratéxico de encontro entre o ámbito académico, a investigación e o tecido empresarial para promover o desenvolvemento e a adopción de tecnoloxías lingüísticas baseadas en intelixencia artificial.

Tras a última edición que tivo lugar en marzo de 2026, o foro reafírmase como unha plataforma de colaboración orientada a favorecer a transferencia de coñecemento e a incorporación dos avances en tecnoloxías da linguaxe aos procesos de innovación empresarial. Tal e como destacaba o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, Senén Barro, «ALIA busca situar as linguas de España á altura das máis desenvolvidas e usadas no mundo dixital e na súa economía e nós somos os encargados de facer que o galego brille especialmente aí, coa colaboración indispensable das empresas, que son á vez beneficiarias e benfeitoras neste proxecto». Na mesma liña, recalcaba Elisa Fernández Rei, directora do Instituto da Lingua Galega « ALIA é moito máis ca un conxunto de recursos lingüísticos, é a demostración de que a colaboración público-privada pode poñer a Galicia na vangarda das tecnoloxías da linguaxe. Entre todas e todos estamos a construír unha infraestrutura dixital para o galego imprescindible para garantir os dereitos lingüísticos de toda a cidadanía ». 

A xornada, que tivo lugar no Centro de Estudos Avanzados (CEA) da Universidade de Santiago de Compostela, permitiu dar a coñecer de primeira man o estado dos recursos desenvolvidos no marco de ALIA e explorar novas oportunidades de cooperación entre universidade e empresa. Un dos eixos centrais do foro foi a presentación dos novos recursos do ecosistema ALIA, entre eles o ALIA Kit, unha colección aberta de modelos, conxuntos de datos, ferramentas e demostradores deseñados para facilitar o desenvolvemento de aplicacións e servizos de intelixencia artificial nas linguas do Estado. Estes recursos, desenvolvidos no marco da Plan Nacional de Tecnoloxías da Linguaxe da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, están dispoñibles en aberto para que administracións públicas, empresas, organizacións e equipos de investigación poidan incorporalos aos seus propios proxectos e procesos de innovación.

Casos de uso para acelerar a transferencia ao tecido produtivo

O foro serviu tamén para presentar os primeiros resultados da chamada á colaboración público-privada impulsada polo Proxecto ALIA-Nós, unha iniciativa creada para fomentar a aplicación práctica dos recursos lingüísticos e tecnolóxicos desenvolvidos ao longo dos últimos anos a través de proxectos como Nós, ILENIA ou o propio ALIA. Esta convocatoria seleccionou propostas empresariais orientadas a demostrar o potencial dos modelos de linguaxe, dos sistemas de tradución automática e das tecnoloxías da fala en contornas reais de uso, contribuíndo ao mesmo tempo a fortalecer a presenza do galego nos novos desenvolvementos tecnolóxicos.

Entre os proxectos que se presentaron atópase VERA, a plataforma desenvolvida por Imaxin para a avaliación avanzada de sistemas de tradución automática. Esta solución integra metodoloxías de avaliación humana e métricas automáticas para analizar o rendemento dos modelos lingüísticos, facilitando a mellora continua dos sistemas de tradución e contribuíndo ao fortalecemento do ecosistema tecnolóxico arredor do galego e doutras linguas do Estado.

Ao mesmo tempo, OSIX Tech Development deu a coñecer o seu proxecto, unha plataforma de avaliación automática de textos escritos e exposicións orais en galego asistida por intelixencia artificial. A ferramenta permite analizar tanto a corrección lingüística como a adecuación temática dos contidos, incorporando funcionalidades de transcrición automática, avaliación multimodal e xestión de dominios de coñecemento especializados.

Pola súa banda, o proxecto desenvolvido por Dimensiona Consultoría Tecnolóxica S.L. centrouse na creación dun asistente virtual intelixente en galego para facilitar o acceso da cidadanía á información pública. A solución combina tecnoloxías de recuperación avanzada de información e modelos de linguaxe con sistemas de recoñecemento e síntese de voz baseados nos recursos do Proxecto Nós, permitindo unha interacción natural mediante texto e fala.

A través deste foro, o Proxecto Nós reforza a súa aposta por construír un ecosistema de innovación sólido arredor da lingua galega, favorecendo a colaboración público-privada e promovendo que os avances científicos e tecnolóxicos desenvolvidos no ámbito da investigación cheguen ao mercado e á sociedade.
A iniciativa forma parte de ALIA, un proxecto impulsado polo Goberno de España pioneiro na Unión Europea para dotar o país dunha infraestrutura pública de recursos de intelixencia artificial, con especial atención ao desenvolvemento das tecnoloxías lingüísticas para as linguas oficiais do Estado e cun firme compromiso coa IA aberta, confiable e orientada ao ben común.


Proxecto Nós

O Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e da intelixencia artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais.

En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, mediante a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre. Algunhas delas (un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, unha aplicación de síntese de voz que le en galego e un chatbot galego) están accesibles de xeito totalmente libre a través do web do proxecto, a disposición de calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribúe á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.

O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia, que encomendou a súa execución á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través de dúas entidades punteiras de investigación en tecnoloxías da linguaxe e intelixencia artificial: o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Anteriormente contou co financiamento do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do proxecto ILENIA, e agora intégrase no proxecto ALIA liderado pola Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2026.