Ir o contido principal

O proxecto Nós lanza as tres primeiras ferramentas para a interacción de persoas e dispositivos en galego

De esquerda a dereita, Senén Barro, Elisa Fernández, Antonio López, Román Rodríguez, Julián Cerviño e Valentín García. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Senén Barro, Elisa Fernández, Antonio López, Román Rodríguez, Julián Cerviño e Valentín García. FOTO: Santi Alvite
Trátase do primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego
Santiago de Compostela

As tres primeiras ferramentas dispoñibles do proxecto Nós posibilitarán a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos. Trátase do primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego. Estas ferramentas estarán dispoñibles proximamente en aberto e de xeito gratuíto para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise ou desexe empregar.

O reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro; a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, presentaron este luns 5, estas novas ferramentas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.  

“Damos un primeiro paso visible ao poñer xa accesibles algúns dos resultados do proxecto”, dixo Antonio López. O proxecto Nós “conecta humanidades e tecnoloxía, neste caso, a través da lingua”, continuou o reitor, para despois subliñar que se trata do “proxecto máis ambicioso para a nosa lingua mirando cara ao futuro”. O proxecto quere, dixo Antonio López, colocar o galego nas mesmas condicións que outros idiomas con maior potencialidade a través de ferramentas que xeran aprendizaxe constante e solucións acaídas. “Isto non acaba aquí, só é o primeiro paso”, concluíu. 

Pola súa parte Senén Barro destacou que “o proxecto nós nace dende a USC e a Xunta coa vontade de crear un ecosistema galego innovador en tecnoloxías lingüísticas para o mundo”. “Os datos son como as infraestruturas viarias dun país”, dixo, “os materias básicos de construción que deben ser preparados axeitadamente”, explicou. A directora do ILG, finalmente, presentou o funcionamento das ferramentas que, tal e como sinalou, foron seleccionadas "en función da súa alta demanda". 

Estes avances permitirán non só reforzar a proxección exterior do galego, “senón tamén a expansión económica da lingua galega como vehículo de comunicación nos mercados globais”, afirmou Román Rodríguez. Un exemplo das aplicacións xa se puido ver no anuncio institucional que a Xunta de Galicia lanzou polas Letras Galegas 2023, onde se presentou a primeira locución da historia en lingua galega xerada por Intelixencia Artificial grazas ás capacidades desenvolvidas no marco deste proxecto. 

USC e Xunta continuarán traballando na recompilación de voces que reflictan a gran variedade fonética e dialectal que existe por toda Galicia, o que permitirá seguir mellorando os modelos de ferramentas actuais, ao tempo que se desenvolverán novos modelos multilingües en cooperación cos proxectos equivalentes a Nós para o resto de linguas do Estado. Impulsado inicialmente pola USC e a Xunta de Galicia, o Proxecto Nós, foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua. 

O galego na vangarda

‘O Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial’ está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego na vangarda das Tecnoloxías Intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas Tecnoloxías Lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial. Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.

Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiros, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen.

O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española, e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á USC, a través do ILG e o CiTIUS. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2023.